

Hoxe sábado, os corredores do Seminario Menor de Santiago de Compostela volveron encherse de voces coñecidas e lembranzas compartidas. Foi o día do reencontro dos ex alumnos da promoción de 1986, que regresaron ao que un día foi o seu fogar espiritual e formativo, nun acto cargado de emoción, memoria e gratitude.
Reunidos no salón de actos, os recordos fluíron entre risas, fotografías antigas e conversas que retoman a complicidade da mocidade. Alí onde o tempo pasou, permanecen os lazos da amizade e o espírito compartido dunha etapa decisiva.
Tras percorrer as instalacións do colexio, tivo lugar a tradicional ofrenda floral diante da estatua do Cardenal Fernando Quiroga Palacios, unha figura senlleira na historia do Seminario e da Igrexa compostelá. De seguido, celebrouse unha misa na capela de San Xosé, presidida por Elisardo Temperán Villaverde titor-formador da promoción, cunha liturxia especialmente dedicada aos profesores e compañeiros xa falecidos. Foi un momento de recollemento, marcado pola emoción e polo agradecemento a aqueles que deixaron pegada nas súas vidas, tanto nos tempos de estudo como no camiño posterior.
O reencontro da promoción de 1986 foi moito máis que unha reunión: foi unha celebración da memoria, unha homenaxe aos ausentes e unha reafirmación dos valores recibidos no Seminario. Ao remate, todos coincidían nun desexo común: repetir esta experiencia, seguir cultivando a amizade e manter vivo o espírito daquela etapa que marcou as súas vidas.





